A LÚA NOS BEIZOS
Ladaíña para 'Man o Alemán'.

Por Avelino Abuín de Tembra

SORPRENDE a displicencia con que as autoridades autonómicas tratan de asolagar a memoria de Man o Alemán. Como se impide o apoio do goberno central para a protección do seu legado. Xorden, de pronto, o vandalismo e os saqueos trala morte de Manfred Gnadinger, acontecida o 28 de decembro do 2002. Son para os visitantes reliquias dun santo ou heroe. Os exvotos dun mártir. Os suvenirs dunha peregrinación. Por moita tenaz oposición con que se evoque a figura de Man o Alemán, o seu perfil humano traspasou xa as fronteiras e as linguas. A supervivencia do herdo de Man está garantida pola devoción e pola difusión internacional. Anunciábase, hai días, que a asignación de 300.000 euros do patrocinio dos premios Max de Artes Escénicas, iría destinada a protexer o museo de Man o Alemán. Foi como un escandaloso revulsivo. Man o Alemán está consagrado nas crestomatías populares de Galicia —de España e de Europa— como un emblema da catástrofe do Prestige. Se vivisemos na época de don Gaiferos de Mormasltán, Manfred Gnadinger entraría a formar parte das grandes fantasías de Galicia. Man o Alemán non desapareceu coa morte física. Esta é unha escolma do seu florilexio universal recollido nas páxinas de internet, que pregoan a nova latría de Man o Alemán. Din así: 1. Os círculos visibles de moitos penedos dos montes de Arou e de Camelle son obra de Man. -2. En Camelle había persoas que odiaban a Man, que o insultaban, falaban mal del, destruían o seu museo e agredíano. -3. Man non morreu de tristura. -4. Man fuxía da civilización, buscando un lugar en que se respirara natureza. - 5. A aldea de Camelle era visitada por milleiros de persoas que desexaban coñecer a este xermano singular. -6. Man é o mártir da traxedia do Prestige. -9. Man morreu asasinado pola depredación capitalista e a mala xestión dos títeres gobernamentais. -10. Man axeonllouse e púxose a chorar sobre os rochedos de Camelle o 18 de novembro. Manchou os xeonllos coa mesma merda negra que cubría o museo. -11. Man era un tipo loiro e espigado. -12. A marea negra cobrou a primeira víctima en Man, o artista ermitán de Camelle, 66 anos.-13. A marea negra levou a Man. A súa intensa cola de fuel pintou de negro chumbo as rochas que el coloreara durante catro décadas xunto ó espigón de Camelle. -14. Atopárono morto unha tarde de sábado, mentres milleiros de manifestantes realizaban na Coruña un velorio contra o Prestige. -15. Man non puido soportar a desfeita do Prestige cando o mar se fixo negro. 16. Man morreu de tristeza ó ver que o seu mar deixara de ser cristalino e azul. -17. Man, o alemán de Camelle, legou o seu patrimonio ó estado español. -18. Facíase chamar simplemente Man e pasou a ser un home sen nome, cuberto cun taparrabos e falando cos peixes no pequeno peirao de Camelle. -19. Síntoo, Man, esteas onde esteas, unha aperta e gracias. -20. A visión da súa obra ateigada de chapapote foi para moita xente a verdadeira causa da súa morte. -21. En Galicia houbo mortes polo desastre do Prestige: dous suicidios de percebeiros e a morte de Man de Camelle porque lle mataran a alma. -22. A arte podía cambiar o mundo, mais é seguro que a obra de Man non o puido facer. -23. O museo do alemán en Camelle, pequeno e pintoresco pobo pesqueiro. Nel un ermitán chamado Man construíu un curioso museo ó aire libre. -23. O chapapote acabou co noso home primitivo, o xamón das pedras e dos peixes, o salvaxe de Camelle. Agora xa non temos nada que viva na idade de pedra. -25. Para os que sentimos que o mar da Costa da Morte rompe directamente contra o noso corazón, o alemán de Camelle era todo un símbolo. -26. As mans seguirán unidas cara a unha das vilas máis danadas de todo o noso litoral: Camelle. Alí a cadea contemplará o museo de Man asolagado pola escuridade.-27. En Camelle tiña o seu orixinal museo ó aire libre o alemán Man, que decorou as rochas coa imaxinación dun conto de fadas. -28. Man era un artista desenganado do mundo, decepcionado por un amor imposible que fixo do acantilado de Camelle un museo de rochas esculpidas. -29. Man, o escultor de Camelle, morreu de indignación. -30. O de Man daba para escribir unha bonita historia se eu tivese ganas de escribir bonitas historias. -31. O creador do museo de Camelle, o noso Man, morreu víctima do chapapote do Prestige. -32. Man, o ermitán da localidade coruñesa de Camelle, que se deixou morrer de pena ó ver cómo o chapapote tinxía de morte o seu hábitat, a súa casa e a súa vida. -33. Tristes rumores: coméntase que a causa da morte de Man, o alemán, foi o suicidio... Irrematable ladaíña de Man o Alemán. Esta é a súa gloria. A súa inmortalidade. Algúns galegos sentimos orgullo de termos sido amigos de Manfred Gnadinger, Man o Alemán.

MAN